martes, 20 de decembro de 2011

IRIA MORGADE, antiga alumna do Centro, gañadora do Premio Biblos


GALARDÓN
Iria Morgade gaña o Premio Biblos novelando as protestas dos novos
O premio busca a autores de menos de 25 anos que presenten un borrador de novela.
Santiago / La Voz 23/7/2011
(5 votos)
Verbas no ar é o título do proxecto de novela gañadora do Premio Biblos, que na tarde noite de onte deuse a coñecer na Casa Grande do Bachao, preto de Compostela. Iria Morgade é a autora desta proposta de novela que ao longo dun mes poderá rematar baixo a titoría do escritor Xabier P. Docampo.

O Premio Biblos, que este ano acadou a súa sétima edición, busca a autores de menos de 25 anos que presenten un borrador de novela. O xurado escolle entre os borradores e ao gañador dáselle a oportunidade de pasar o mes de outubro na Casa do Bachao completando o texto, que será publicado en galego e mais en castelán contra finais de ano.

Segundo o xurado desta edición, Xabier P. Docampo, Elena Veiga e Tucho Calvo, «a obra está escrita cunha vocación de estilo que acode a unha linguaxe directa, construída cunha disposición do texto baseada nas frases curtas». Argumentalmente, o texto gañador é unha obra «actual e oportuna que procura relacionar as revoltas nos países do norte de África coa actitude de descontento e protesta da xuventude protagonista dos movementos que estamos a contemplar no noso entorno». O xurado sinala tamén que o texto prescinde das florituras e abre os ollos do lector «ante un mundo en conflito a golpe de linguaxe tweet». Iria Morgade Valcárcel é de Poio (Pontevedra) e licenciada en Ciencias Políticas.
(La Voz de Galicia.es)


Os nosos parabéns Iria por este premio, toda a comunidade educativa do teu "Insti" sentímonos moi orgullosos de ti.

Ningún comentario: