xoves, 13 de novembro de 2014

Presentación de "Corazóns e Coitelos"

O pasado martes día 11 de novembro, na Casa das Campás, tivo lugar a presentación do libro "Corazóns e coitelos". A obra consta dunha selección de textos literarios feitos polo alumnado do IES Gonzalo Torrente Ballester. O libro foi apadriñado polo escritor vigués Pedro Feijoo, prologuista da obra, o xornalista e crítico literario Ramón Rozas e o director do propio centro J. Ramón Couto. No acto, que presentou o vicedirector Óscar Pedrido, resaltouse a importancia de levar a cabo este tipo de iniciativas nun momento onde o eido cultural semella estar moi abandonado, tal e como sinalaron algúns dos convidados á mesa. Tamén se salientou a importancia da escrita como resultado dun proceso que empeza na lectura e que conforma un todo na aprendizaxe dunha lingua. PARABÉNS A TODOS!

presentación libro from biblioteca victoria moreno on Vimeo.

xoves, 6 de novembro de 2014

Presentación de "Corazóns e coitelos"

Primeiro foi, "Petiscos"; agora chega " Corazóns e coitelos". O próximo martes, día 11, presentamos a nova recompilación de relatos gañadores de distintos concursos feitos no IES nos últimos anos. Deste xeito,con inaprezable pracer, volvemos a mostrar que temos unha nova xeración ou "tropa" de futuros escritores que saben plasmar con palabras este mundo tan complexo no que habitamos. Noraboa a todos os que se atopan no libro e tamén, ós futuros, que, de seguro, estarán en novas publicacións. E como di Pedro Feijoo Barreiro, prologuista de excepción desta obra: " Aquí vos deixamos esta antoloxía, praza de diálogo futuro. Que sexa do voso gusto!"
.